martes, 16 de febrero de 2010

As receitas de OBI 1: Carrantuohill






Juan Outes, "Obi"
para os amigos e para case que todo o mundo, é un colega que coñecín na miña etapa adolescente co cal compartín múltiples experiencias e aventuras. Percusionista, druída, bailarín e bardo, colabora desde hoxe para Vigofolk aportando as súas impresións sobre calquer tema do que desexe falar.



Carrantuohill, o mundo moderno e Galicia.




Para aqueles non iniciados, Carrantuohill é un grupazo polaco de música irlandesa e escocesa (maiormente) que leva uns doce anos dando guerra e facéndose un nome na escea do folk europeo, cun éxito máis que aceptable. O seu é dar caña, non fan música de virtuosos, pois nin o son nin o pretenden, pero teñen a solidez e as táboas para seren considerados un grupo a coñecer.
O curioso do caso ven sendo precisamente que a historia non parece en si mesma curiosa; todos sabemos que en todas partes onde existe un panorama de música folk activo, xorden bandas especializadas en repertorio “celta” que, con maior ou menor influencia das súas músicas de orixe, seguen liñas moi parellas (qué demo, as “irlandesadas” ben feitas molan) e xa non sorprenden a ninguén. Pero hai unha diferencia de bulto entre un grupo galego tocando “The destitution” e un grupo polaco ou de calquera outro país europeo interpretando o mesmo; o grupo galego faino porque lle dá a gana, pero o resto porque na meirande parte de Europa hai moitos anos que desapareceu todo vestixio das músicas tradicionais, as que se interpretaban nas vilas antes das revolucións industriais. Se nos achegamos á realidade da situación das músicas de raíz en calquera país europeo, o panorama é desolador. A pervivencia da música ou calquera outra manifestación da cultura tradicional pasa pola pervivencia dos modos de traballo tradicional. A maioría das músicas, cantadas ou instrumentais, ían asociadas a unha actividade, fose un traballo ou o remate deste, un día de festa ou un acontecemento dado. Pero en Europa o tempo de deixar o sacho pra ir traballar ás fábricas foi hai máis dun século, as xeracións actuais de europeos, nin tan sequera os máis vellos, viviron unha malla, unha matanza, ou mesmo viron un arado tirado por vacas ou un candil de aceite máis que nos museos. Pero nós si. En Galicia, para ben ou para mal, tivemos apenas atisbos da salvaxe industrialización do XIX, ou a fulgurante modernización das sociedades do XX, porque ata a segunda metade dese pasado século aínda viviamos nun réxime caciquil semifeudal. As sucesivas “longas noites de pedra” polas que fomos pasando dende aqueles gloriosos anos da baixa Idade Media, fixeron que a economía capitalista tardara en arrincar aquí; os vellos modos de producción mantivéronse por pura necesidade na sociedade galega, co que as vellas cantigas que acompañaban sempre calquera faena sobreviviron tamén.

Os nosos vellos (e non tan vellos) fixeron mil mallas e matanzas, coñeceron o arado romano (e a báscula romana por certo, dúas tecnoloxías que aquí non avanzaron en 2000 anos) e polo tanto coñecen as cantigas e os bailes que as acompañaban. Galicia é un caso único de inmensa riqueza etnográfica nun país do primeiro mundo, do bloque occidental, chámalle da parte rica do planeta, un dos poucos sitios no mundo onde se topan no século XXI a tradición e a modernidade. Dónde está o problema? Pois simplemente que a xente apenas o aprecia, basicamente a xente pasa. A nosa sociedade pasa da cultura tradicional como só os galegos saben pasar dun asunto que non lles interesa. Como teñen o Luar e cantan a Rianxeira e o Miudiño cando están borrachos, seica pensan que cobren cupo e xa fixeron algo. Oficialmente todo o mundo está moi orgulloso da súa cultura e da súa lingua, pero os discos que mercan son de fóra, as festas que celebran so as de fóra, e a cultura tradicional galega, a cultura galega en xeral, irá pasando pouco a pouco ós museos etnográficos coma no resto do continente, ata que só queden residuos en certas festas gastronómicas, xente disfrazada tocando a gaita para os turistas ou as investiduras dos presidentes, e o día da muiñeira, do que non nos poderemos librar por moitos anos que pasen... ¿E qué virá logo? Pois que seguirá habendo xente con tremendo talento para a música, que terminará tocando “irlandesadas” porque será o único folk que coñezan e lles faga disfrutar, como é o caso dos nosos amigos de Carrantuohill. Que ninguén pense que a situación é boa porque hai milleiros de alumnos nas escolas de gaita, pandeireta ou baile, ou porque saen sen parar novas bandas. Botade un ollo á situación dos festivais de música ou baile (en claro declive por falta de apoios), o panorama discográfico (agricultura de subsistencia aplicada á música), a situación da lingua galega (ímoslles permitir ós “pepeiros” que sigan cometendo atentados así contra a nosa lingua?) e tantos outros aspectos da vida cotiá para ver que a cultura galega está contra as cordas, perdendo a batalla porque a sociedade galega nin sequera cre que haxa unha batalla. Preguntádelle a quen coñezades, pero non ós vosos amigos folkis ou camaradas de luita. Preguntádelle ós vosos veciños, curmáns, compañeiros de traballo, provedores, clientes, á panadeira ou ó do garaxe. Preguntádelle qué fan eles para loitar na batalla pola cultura? Diranche que qué batalla, que qué lle pasa á cultura galega, que somos a repera, que en Galicia coma en ningures, que malo será que sexa pra tanto, e que marisco coma o noso xa o quixeran na Zarzuela. E terás sorte se che contestan en galego. Non hai batalla. E quen non loita, perde. Sempre. E o resultado xa o coñecemos, abonda con viaxar un pouquiño pra percatarse de que en canto non hai cultura tradicional, que sempre vai asociada ós modos de producción máis ecolóxicos e sostibles, imponse a cultura única, a postiza, a homoxénea, a do consumismo e a contaminación, a que lles interesa ás multinacionais e destrúe o planeta. A loita pola cultura é a loita pola natureza, polo ser humano. Porque todo está así de conectado, a natureza, a saúde, a lingua, a música. A felicidade. Perder unha, perdelas todas. Mentres tanto, pra recordarnos porqué loitamos e poñernos a banda sonora, recomendamos Carrantuohill.

No hay comentarios: