
Data: Venres, 14 de Maio de 2010
Hora: 22:30 - 23:30
Lugar: Pub Parrafadas, Vigo; avda/camelias 29, ó lado da Ferrari
ENTRADA: 3 EUROS

Os nosos vellos (e non tan vellos) fixeron mil mallas e matanzas, coñeceron o arado romano (e a báscula romana por certo, dúas tecnoloxías que aquí non avanzaron en 2000 anos) e polo tanto coñecen as cantigas e os bailes que as acompañaban. Galicia é un caso único de inmensa riqueza etnográfica nun país do primeiro mundo, do bloque occidental, chámalle da parte rica do planeta, un dos poucos sitios no mundo onde se topan no século XXI a tradición e a modernidade. Dónde está o problema? Pois simplemente que a xente apenas o aprecia, basicamente a xente pasa. A nosa sociedade pasa da cultura tradicional como só os galegos saben pasar dun asunto que non lles interesa. Como teñen o Luar e cantan a Rianxeira e o Miudiño cando están borrachos, seica pensan que cobren cupo e xa fixeron algo. Oficialmente todo o mundo está moi orgulloso da súa cultura e da súa lingua, pero os discos que mercan son de fóra, as festas que celebran so as de fóra, e a cultura tradicional galega, a cultura galega en xeral, irá pasando pouco a pouco ós museos etnográficos coma no resto do continente, ata que só queden residuos en certas festas gastronómicas, xente disfrazada tocando a gaita para os turistas ou as investiduras dos presidentes, e o día da muiñeira, do que non nos poderemos librar por moitos anos que pasen... ¿E qué virá logo? Pois que seguirá habendo xente con tremendo talento para a música, que terminará tocando “irlandesadas” porque será o único folk que coñezan e lles faga disfrutar, como é o caso dos nosos amigos de Carrantuohill. Que ninguén pense que a situación é boa porque hai milleiros de alumnos nas escolas de gaita, pandeireta ou baile, ou porque saen sen parar novas bandas. Botade un ollo á situación dos festivais de música ou baile (en claro declive por falta de apoios), o panorama discográfico (agricultura de subsistencia aplicada á música), a situación da lingua galega (ímoslles permitir ós “pepeiros” que sigan cometendo atentados así contra a nosa lingua?) e tantos outros aspectos da vida cotiá para ver que a cultura galega está contra as cordas, perdendo a batalla porque a sociedade galega nin sequera cre que haxa unha batalla. Preguntádelle a quen coñezades, pero non ós vosos amigos folkis ou camaradas de luita. Preguntádelle ós vosos veciños, curmáns, compañeiros de traballo, provedores, clientes, á panadeira ou ó do garaxe. Preguntádelle qué fan eles para loitar na batalla pola cultura? Diranche que qué batalla, que qué lle pasa á cultura galega, que somos a repera, que en Galicia coma en ningures, que malo será que sexa pra tanto, e que marisco coma o noso xa o quixeran na Zarzuela. E terás sorte se che contestan en galego. Non hai batalla. E quen non loita, perde. Sempre. E o resultado xa o coñecemos, abonda con viaxar un pouquiño pra percatarse de que en canto non hai cultura tradicional, que sempre vai asociada ós modos de producción máis ecolóxicos e sostibles, imponse a cultura única, a postiza, a homoxénea, a do consumismo e a contaminación, a que lles interesa ás multinacionais e destrúe o planeta. A loita pola cultura é a loita pola natureza, polo ser humano. Porque todo está así de conectado, a natureza, a saúde, a lingua, a música. A felicidade. Perder unha, perdelas todas. Mentres tanto, pra recordarnos porqué loitamos e poñernos a banda sonora, recomendamos Carrantuohill.