miércoles, 7 de mayo de 2008
CREMA DE GAITA
Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abrangue formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova. Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega. Non obstante, Crema de gaita non rexeita as influenzas euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos, fuxindo así do tópico no que está encadrada na actualidade.
Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade. Este eclecticismo musical é froito do percorrido dos membros do grupo en diferentes eidos, como as bandas de música, orquestras, formacións tradicionais galegas e conservatorios, e todo tipo de grupos jazz, pop, rock, electrónica e de fusión.
O groso do repertorio constitúeno fundamentalmente as composicións de Ernesto Campos, membro de Crema de gaita e autor de temas gravados por artistas da talla de Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane.
O grupo Crema de gaita ofrece un espectáculo acústico e sen artificios, cunha proposta escénica que busca convencer e entreter a todo tipo de público.
Os músicos que forman Crema de gaita son:
Diego Mariño (gaitas e frautas)
Marcos Campos (gaitas e frautas)
Xose M. López "Josele" (clarinete, saxo e gaita)
Cris Macías (teclados e voz)
Ernesto Campos (guitarra e serrucho musical)
Judith Alonso (baixo eléctrico)
Xosé C. Villar "Bouza" (percusións latinas e tradicionais)
Suso "Feixón" Alonso (batería e percusións)
Reportaxe na TVG
Crema en Origueira
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario