jueves, 19 de junio de 2008
Fía na Roca
Sen dúbida a aparición de Fía na roca foi un dos acontecimentos clave no panorama musical galego da década dos 90. Recebidos con excelentes críticas, a sua proposta artística supuxo un verdadeiro sopro de ar fresco no tratamento da música tradicional de Galiza. Cun son elegante e uns arranxos sorprendentes, a tradición convertia-se nun elemento máis a combinar coas ideas próprias e as máis diversas influéncias, dando lugar a un estilo auténtico e inconfundíbel. A diversidade estilística, xunto coa riqueza tímbrica empregada nas distintas composicións, constitui un dos seus principais sinais de identidade, conquerindo un resultado final coerente e con carácter, afastado deliberadamente de calqueira etiqueta ou fórmula comercial ao uso.
A sua discografia até o momento consta de catro traballos. " Fía na roca " (1993) foi o seu álbum de estrea, producido por Luís Delgado e con portada do debuxante Miguelanxo Prado. Con el conseguiron chamar a atención da prestixiosa cadea británica BBC, VER VIDEO que escolleu a sua música como banda sonora do programa co cal se promocionou o Xacobeu 93 en toda Europa a través da cadea Eurochannel. En 1997 edita-se o seu segundo traballo " Agardando que pase algo " no que colaboran co pintor Xoan Guerreiro, que simultaneamente monta unha exposición itinerante co mesmo título do disco. Pouco despois desta publicación, a sua música foi escollida para formar parte dunha selecta compilación que, baixo o título de Celtic Twilight - Celtic Planet, foi editada en Estados Unidos e a Unión Europea.
VER VIDEO
No 2001 publica-se o seu terceiro disco, " Contravento " coa colaboración do fotógrafo Xosé Garrido no apartado gráfico. A sua principal novidade é a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como séptimo compoñente da formación. Novamente o Camiño de Santiago entra en contacto coa música de Fía na roca, pois unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da série baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinaxe que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta série interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistando-se coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan.
Fia na Roca
Durante a xira de apresentación de Contravento, no verán de 2001, coinciden coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Con eles gravan o documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversário do grupo. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a duo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.
No ano 2003 Fía na roca cumpriu 10 anos de concertos en directo. Para celebralo a banda gravou o seu novo traballo ao vivo no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 7 e 8 de decembro. No ano 2004 editouse " Dez anos ao vivo "o último traballo da banda ate o momento. Ademáis, para completar a celebración, volvéronse a reeditar os tres traballos anteriores nunha nova edición remasterizada.
Fia na roca - O afiador de Tella
En concerto, o grupo logra transmitir ao ouvinte todo o sentimento agochado no desenvolvimento dos temas. A música está destinada a atrapar e emocionar á audiéncia, tanto durante as suas pasaxes máis melancólicas e intimistas, coma nas máis vivas e ledas. Por iso, Fía na roca ten conseguido un público fiel e incondicional que valora un directo sincero e sen artifícios, no que a sensibilidade é a sua compoñente principal.
Fia na Roca .- Indo Eu
Fía na roca, fieis ao seu compromiso coa música e co seu tempo, oferecen-nos hoxe un espectáculo para desfrutar escoitando. Ar fresco e moita luz desde as profundidades dun país húmido e gris. Un concerto sorprendente e de alta calidade, libre e despreocupado, no que tradición, evolución, vangarda, jazz, rock, funky, folk,... son tan só materiais para a construción deste edifício sonoro que está no máis alto nível da arquitectura musical de Galiza.
Fia Na Roca.- Outes
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario